
Santiago de Compostela
A 30 kms da nosa casa atópase a cidade de Santiago de Compostela, declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco, ao considerar que á súa beleza urbana e á súa integridade monumental engadíanse os profundos ecos da súa significación espiritual como santuario apostólico e destino do máis importante movemento relixioso e cultural da Idade Media: a peregrinación polo Camiño de Santiago.
Hoxe en día é un dos puntos de encontro da fe e o pensamento do mundo occidental.
Despois de pasear a cara máis coñecida de Santiago: a súa postal máis levítica e monumental, empézase a intuír a esencia de Compostela, e descóbrese algún segredo que fai que a cidade pase a ser dun mesmo, máis aló da apresurada excursión turística.
Santiago é ante todo unha cidade segura e tranquila, feita á medida do corazón, por iso o máis recomendable é simplemente relaxarse, deixarse levar por ela, e gozar.