A Comarca de Caldas tamén coñecida como Territorio dos Vales do Ulla-Umia, por estar rodeada por estes dous rios, está constituída por 7 municipios: Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña , Pontecesures, Portas e Valga.
Está rodeada polos montes Xesteiras, Xiabre e Acibal, dende os cales se teñen unhas inmellorables vistas da Comarca.
A actividade do subsolo da rexion deu lugar a que en dous dos municipios teñan fontes termais con propiedades medicinais: Caldas de Reis e Cuntis.

Rutas enoturísticas
O enoturismo ou Turismo do viño é unha práctica que aumenta día a día, xa que permite combinar o clásico turismo rural e paisaxístico co goce e o achegamento ao mundo do viño, a través de visitas a adegas, catas de viño, etc.
A nosa casa atópase situada dentro da comarca onde se produce o mellor viño branco de España e un dos máis recoñecidos do mundo, o albariño.
Cuntis: cultura castrense e termal

Cuntis conta con numerosos recintos fortificados en todas as súas freguesías, aínda que sobre todos destaca Castrolandín, por mor do seu estudo en profundidade, posta en valor e escavación mercé do labor que desenvolve a Fundación Terra Termarum, o Concello de Cuntis, as comunidades de montes de Castrolandín e Campo e o Laboratorio de Arqueoloxía do Instituto Pai Sarmiento de Estudos Galegos.
Caldas de Reis: a auga

Unha ruta de varias horas polo monte, á sombra das árbores seguindo o curso do río. Entre os atractivos desta ruta atópase unha vella fábrica, muíños de auga e pequenos rápidos onde bañarse. Esta ruta está moi indicada para días de moita calor.
O paseo realízase polas beiras do río e a maior parte do tempo á sombra. Unha boa forma de manterse fresco no verán.
Moraña: Rupestre
A historia de Moraña materialízase na abundancia de restos antigos e manifestacións artísticas e está repleta de achados prehistóricos e unha importante cultura megalítica.
As mámoas, menhires, dolmens, castros e petróglifos abundan neste concello.
Catoira:
A historia de Catoira estivo intimamente ligada á importancia estratéxica do complexo militar de Oeste.
As Torres serviron de escudo defensivo a Galicia, dende o comezo da Idade Media ata o reinado dos Reis Católicos, momento a partires do cal entran nun período de lenta e progresiva decadencia.