Camiño portugués...
É o camiño que che leva a través de terras portuguesas a Santiago de Compostela (Galicia). Aínda que durante o século XX non foi unha ruta moi transitada, durante a última década do século comezou a revitalizarse, ata converterse actualmente na segunda máis utilizada despois do Camiño Francés.
O itinerario do Camiño Portugués está salpicado de puntos que foron testemuñas de míticas historias ocorridas co paso dos séculos.
O itinerario de 116 quilómetros percorre en Galicia:
Tui - Porriño - Redondela (onde conflúen as outras rutas) - Pontevedra - Caldas de Reis - Padrón - Santiago.
O Camiño Portugués en Galicia comeza en Tui, cidade de nobre encanto, onde a catedral románica e gótica de Santa María é testemuña, dende a Idade Media, do tránsito de peregrinos. Dende Tui faltan seis etapas, cun total de 113 quilómetros, para arribar á cidade do Apóstolo. O peregrino poderá gozar de fermosas paisaxes marítimas como a da ría de Vigo. Poderá achegarse ao santuario da Virxe Peregrina en Pontevedra, un dos puntos de referencia das peregrinacións xacobeas. E xa a 19 quilómetros de Santiago, chegarase á vila de Padrón, lugar principal da devoción xacobea, pois segundo a tradición, foi aquí onde recalou a nave que conduciu o corpo de Santiago o Maior desde Terra Santa, e tamén onde predicara, no lugar onde se sitúa actualmente o santuario de Santiaguiño do Monte.
A entrada na cidade do Apóstolo realízase por Porta Faxeira, percórrese a rúa do Franco para chegar á capela de Santiago, lugar onde a tradición xacobea di que parou o carro que transportaba o corpo do Apóstolo de Iria a Compostela. Uns metros máis adiante atópase a praza de O Obradoiro, dende onde se poderá admirar a grandiosa fachada barroca da basílica compostelá.